A Alcaldesa, nas Xornadas Penitenciarias: “reeducación si, pero invistamos máis en educación e evitaremos miles de dramas”

Medallas Xornadas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou este martes no Vello Cárcere as XXXI Xornadas Penitenciarias Lucenses, organizadas pola asociación Concepción Arenal e centradas esta ano na educación nos cárceres. A rexedora avogou por “facer énfase na pedagoxía e a educación social como complemento da condena das persoas presas e a súa vida posterior”. “De aí que se deba insistir en solucións integrais, plurais e abertas, que pasan por comprometer ás institucións penitencias en reeducar aos presos, promovendo o seu desenvolvemento individual, para logo contribuír á súa inclusión social”, subliñou Méndez.

Por iso, engadiu, “cando escoito que se volve a debater con certa lixeireza sobre conceptos como a cadea perpetua, sinto medo. Ademais, sempre se aproveita para sacar este debate cando ocorre unha desgraza na que o emotivo do ser humano gaña ao sentido común dunha sociedade. Pero para iso está a sociedade. Para gañar á rabia, frustración ou desesperación do individuo e impoñer sentido común. Crer na cadea perpetua é dicirlle a unha persoa: Ti non tes solución. É cargarse os conceptos de reeducación, reinserción e restitución”.

Polo tanto, asegurou Lara Méndez, “reeducación si, pero invistamos máis na educación -na educación pública, gratuíta e de calidade- e evitaremos miles de dramas. Cada mozo ou moza ao que se convence, ao que se oriente para que non abandone os estudos, é un home ou muller gañados á sociedade. Cada preso que se reeduca é unha muller ou un home gañado á sociedade”. En definitiva, tal e como dixo Concepción Arenal, “abride escolas e pecharanse cárceres”.

Ao rematar o acto, ao que tamén asistiu o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e membros da Corporación Municipal, entre outras autoridades, tivo lugar o acto de entrega de medallas Concepción Arenal.

URL fonte: http://lugo.gal/gl/novas/alcaldesa-nas-xornadas-penitenciarias-reeducacion-si-pero-invistamos-mais-en-educacion-e